Chegará algún día peor, no que te vaias de todo,
aínda que agora fai tanto xa que non estás, que me custa lembrar se foches ti algún día.
Medrei contigo, ao teu carón, infancia aquela xa tan lonxana,
na que íamos de leira en leira,
o leite recén muxido,
aprendín a lavar pratos, facer camas,
mira ti que cousas, porque era rapaza e non rapaz.
Rezar polas noites e darlle un bico ao neno Xesús.
Daquela non tiña conciencia de nada.
Todo me parecía ben.
Todo mesturado con Antonio Machín, Miguel Hernández e Rosalía de Castro.
E aquela postal que recibira de San Vicente do Mar, tería cinco ou seis anos, foi a primeira postal que recibín nunca... que maior me sentín.
Sempre me souben a favorita, nunca crin que era unha honra máis ben dubidosa.
De todos modos, aquel era o mundo ideal, de pequeno non hai nada malo, todo está ben, os problemas non existen.
A primeira imaxe consciente foi en 2004, tardei en decatarme...
o punto de inflexión,
cando souben que nunca máis serías ti,
cando me din conta de que a idade, moitas veces, é un mal sen cura.
Que raro se me fai todo!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario