jueves, 8 de abril de 2010

Fresas con nata.

Apetecían, mirándome dende aquel estante, rodeadas de froita, sobresaían lozanas, vermelliñas, delicadas, e non é unha compra que adoite facer pero, xa que estamos na época, apetecía o pequeno luxo desta aspirante a mileurista.

Unha caixiña transparente, envolta no plástico furado para que o medio quilo de fresiñas deste sur andaluz lonxano puideran respirar.

Un bote de nata montada, desta en spray, que cando a usas te decatas de que nin nata nin leches, iso o que é é auga branquecina con azucre e un montón de aire.

De aire e aires tamén nós enchemos nós moitas veces, pero iso é outra historia.

Hoxe apetecían.

Saquei unhas poucas, daba xenio velas tan postiñas no seu continente, laveinas, escurrinas e procedín, con mimo, a cortalas.

E aí, quen sabe por que, comecei a pensar en quen as cortara, nesas longas xornadas baixo a calor abafante dos invernadoiros, na caterva de inmigrantes, de fodidos pola crise, nas familias que van de recolleita en recolleita para apañar uns cantos euros e sobrelevar o resto do ano... no moito que teñen uns e no pouco que teñen os demáis, a maior parte.

Nas pateras, nas xornadas de auga con sal, de levar morto ao compañeiro do lado, de chegar á terra prometida que non dá nada, porque non hai nada que prometer, de perseguir o ideal do privilexio de ser nacido occidental. De nacer deste lado, onde o temos todo, tendo en conta que ese todo significa a tele máis chula, a casa máis chula, o coche máis molón, a roupa chachi, onde todo significa que non temos nada, porque poñerse a pensar en que o noso privilexio é mercar cada vez máis e máis cousas que nos sintan acadar un certo status non deixa de dar pena.

E así foi como as fresas que tanto me prometían acabaron coméndose con pena, con certa amargura deste día a día privilexiado, e aquí esta cabeciña se adica a acabalo con queixas nimias. E non me souberon ben, o doce que me supuña ía sentir trocou nun certo acedo, incluso amargo, un certo non sei que e unha certa sensación de baleiro.

Nin sequera se me ocorreu unha canción para o caso...

1 comentario: